Obxectivos
O CEMI UDC-Navantia considérase como unha continuación do traballo iniciado en 2015 e consolidado en 2018, e mantén os seguintes obxectivos básicos:
- A transformación dixital do estaleiro.
- A optimización de todos os seus procesos de produción.
- A planificación e desenvolvemento da nova Fábrica de Bloques na que aplicar o anterior.
- A introdución e uso de tecnoloxías habilitantes e disruptivas.
- A implantación dos xemelgos dixitais de planta e produto.
En concreto, a finalidade do CEMI é o desenvolvemento de novas técnicas e tecnoloxías que permitan aumentar a competitividade do estaleiro para o desenvolvemento do Programa F-110 e da nova Fábrica de Bloques do estaleiro Navantia-Ferrol. As liñas de actuación fundamentais son: a dixitalización do sector, a mellora dos procesos produtivos existentes e o desenvolvemento doutros novos, e o desenvolvemento de xemelgos dixitais para mellorar a produtividade e reducir tempos e custos en toda a cadea de valor. E isto como piar fundamental para optimizar os recursos públicos investidos no Programa F-110 e competir cos estaleiros máis avanzados do mundo na construción de buques militares de superficie e outro tipo de plataformas.
O anterior forma parte do obxectivo fundamental que se persegue: a transformación do estaleiro Navantia-Ferrol nun Estaleiro 5.0. Ao mesmo tempo, as actuacións propostas permitirán a Navantia mellorar a súa competitividade, así como os beneficios dos seus produtos, incrementando o seu valor engadido e diferenciándose dos seus competidores globais. En concreto, o CEMI centrarase en aspectos específicos de I+D+i relacionados co proceso produtivo, tales como:
- Definir o estaleiro como un sistema ciberfísico, no que todo o que se crea e todo o que existe no seu interior contén dúas compoñentes: a física ou material e a cibernética ou virtual, que conviven formando os dominios virtual e real, levando ata o nacemento e implantación do concepto de Xemelgo Dixital, que se aplica ao produto, á planta, aos procesos e ás persoas.
- Aplicar as novas tecnoloxías dixitais. O CEMI seguirá promovendo as tecnoloxías clave identificadas (e. g., Realidade Virtual/Aumentada/Mixta, Internet das Cousas, modelización e simulación de procesos discretos…), sabendo que o número delas variará no camiño cara ao Estaleiro 5.0.
- Desenvolver produtos intelixentes e chegar tamén ao campo dos servizos, creando sustentabilidade intelixente.
- Implantar o Xemelgo Dixital como réplica dixital fiel de alta resolución dunha entidade real no seu sentido máis amplo (funcional, natureza, estado, integridade ou saúde, degradación, etc.) ao longo do tempo.